Chega o Día das Letras Galegas e, con el chega tamén a obra, certamente monumental (en contidos, en profundidade, mais tamén en extensión) que Valentín Paz-Andrade dedicou á figura de Castelao e que titulou 'Castelao na luz e na sombra'.
A obra vira a luz no xa afastado 1982, cando Paz-Andrade xa tiña máis de oitenta anos e despois de anos de traballo entregado a unha investigación minuciosa e chea de rigor co obxectivo xa non só de presentarnos un Castelao o máis completo posible senón, como o mellor historiador faría, aproveitando a figura do rianxeiro para explicarnos unha época e as angueiras vitais de toda unha xeración irrepetible.
Editorial Galaxia publica este libro dentro da colección Grandes Biografías destinada a achegarlle ao gran público as vidas dos grandes persoeiros que fixeron este país tal e como o entendemos hoxe e sen os que, sen dúbida, non seriamos quen somos.