Sonia Villapol achéganos á neurociencia cun libro rigoroso, accesible e pensado para a cativada.
Como nacen as emocións? Por que lembramos unhas cousas e esquecemos outras? Que sucede no cerebro mentres durmimos? Podemos fortalecelo e coidar mellor da nosa saúde mental?
Cerebro en modo ON, de Sonia Villapol, con ilustracións de Diego Estebo, responde a estas e outras preguntas para achegar a neurociencia a nenos, nenas e adolescentes dunha maneira clara, próxima e estimulante.
O que ninguén che contou sobre o teu cerebro, explicado cunha linguaxe accesible e sen renunciar ao rigor científico.
Ao longo das súas páxinas, a autora aborda cuestións como as emocións, a aprendizaxe, a memoria, os soños, os hábitos de vida ou a saúde mental. O libro permite comprender como se forma e evoluciona o cerebro, un órgano extraordinariamente poderoso que fai posibles os nosos pensamentos, comportamentos e accións.
Sonia Villapol amosa que o cerebro non é unha estrutura inmóbil, senón que se vai esculpindo con cada experiencia, coa emoción compartida, co apoio, coa seguridade e cos hábitos que incorporamos á nosa vida.
A obra introduce tamén unha visión actual do eixe cerebro-intestino-microbiota, froito das investigacións da autora, e explica a súa importancia para comprender mellor o funcionamento do noso organismo.
O cerebro tamén se aprende. E comprendelo é o primeiro paso para coidalo.
Cerebro en modo ON é un libro para espertar a curiosidade, formular novas preguntas e descubrir onde nace a mente.