As primeiras recensións destacan a ambición literaria, a forza sensorial e a capacidade para provocar preguntas da nova obra do autor.
Un mes despois da súa chegada ás librarías, A lingua estranxeira, a nova novela de Brais Lamela, comeza a recibir as primeiras valoracións da crítica e das persoas lectoras.
A obra foi definida por Susana Sánchez Arins, nunha recensión publicada en A Sega, como «o livro que necessitávamos». Pola súa banda, Ramón Rozas destaca no Diario de Pontevedra a creación dun «territorio sensorial que nos engule e nos converte en parte activa da narración» e sinala que Brais Lamela «volve superar de novo as expectativas con este regreso literario».
Daniel Salgado, en elDiario.es, cualifica a obra como «un libro magnífico e infinito á hora de provocar preguntas». A poeta Chus Pato subliña tamén a súa relevancia cunha afirmación contundente: «Dá vertixe: seguimos escribindo a mellor literatura nunha lingua case extinta e que apenas fala alguén».
Estas primeiras lecturas poñen o foco na singularidade dunha novela polifónica e expansiva, construída mediante a alternancia de catro liñas narrativas e situada a medio camiño entre a crónica íntima e a novela histórica.
En A lingua estranxeira, dous mozos pérdense por unha terra allea mentres procuran un antigo asentamento colonial. Mentres foxen dos incendios e buscan acubillo en hoteis perdidos na selva, xorde entre eles unha fráxil intimidade, sempre ameazada pola posibilidade de que cada palabra signifique o contrario do que parece.
Unha lectura recomendada para este verán!