Celebramos o Día das Escritoras

Categoría: Nova

Hoxe celebramos o Día das Escritoras, unha conmemoración internacional que busca recuperar o legado das autoras e facer visible o seu traballo. Unha celebración que loita por visibilizar o papel das autoras no ámbito da literatura e combater a discriminación histórica.

Moitas autoras soñan e difunden a través das páxinas dos seus libros, unha sorte de futuro mellor, é por isto que hoxe reivindicamos o seu labor e salientamos a realidade actual que goza a literatura; é o resultado da loita incansable de moitas mulleres que se viron obrigadas a superar moitos obstáculos, entre os que se atopaba o propio feito de ser muller. Moitas chegaron a escribir baixo pseudónimos de homes para ser tomadas en serio. Un suceso doloroso que amosa como se truncaron moitas carreiras de autoras cheas de talento e a doutras que non puideron desenvolver todo o seu potencial. Unhas aspiracións que eran impensables na época.

Nun día coma hoxe, queremos salientar a figura da escritora e xornalista Begoña Caamaño, que nacía un 14 de outubro de 1964, en Vigo, finada en Compostela en 2014.

Da súa traxectoria, é salientable o seu traballo nas seccións de cultura e sociedade dos informativos da Radio Galega, emisora coa que colaborou dende 1989. Antes, traballou nos servizos informativos de Radio Popular de Vigo e en Radio Noroeste. Foi correspondente en Vigo da Axencia Galega de Noticias e do desaparecido xornal madrileño “El Sol”. Colaborou en “A Nosa Terra”, “Tempos” e “Novas da Galiza”, e foi autora de reportaxes e artigos nas revistas “Festa da Palabra”, “Silenciada” e “DeLiberadaMente”. ⁣

No catálogo da Editorial Galaxia, publicou libros coma “Circe ou o pracer do azul” e “Morgana en Esmelle“, ambas obras marcadamente feministas e antipatriarcais.

Hoxe celebramos os moitos nomes das autoras que enriquecen a nosa literatura, ampliando o horizonte de pensamento do público xeral. Un tesouro que prende unha candea cara ao camiño da liberdade.

Comparte nas túas redes sociais ou por email