Graduada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, Master in Bussiness Administration pola Escola de Negocios de Caixavigo, coa especialidade en dirección comercial e márketing, Master en Xestión Cultural pola Universidade Complutense de Madrid.
A súa traxectoria profesional de máis de 30 anos está vencellada á xestión cultural. A organización de ciclos e tempadas de artes escénicas e musicais, exposicións, ciclos de cine, conferencias, posta en marcha de residencias artísticas, convocatoria de premios e outro tipo de eventos forman parte desta experiencia.
Na década dos anos 90 do século pasado e principios deste XXI desenvólvese formando parte da Obra Social da Caixa de Aforros Municipal de Vigo e Caixanova, respectivamente. Unha experiencia vencellada cos espazos propios da entidade financeira no territorio galego, así como en parceria con colaboradores da administración e doutras entidades privadas. Nos cometidos atópase tanto a xestión do programa do teatro García Barbón de Vigo desde 1991 até 2011, como as xiras de artes escénicas e musicais en Galicia e norte de Portugal e itinerancias de mostras artísticas. Nesta etapa encárgase da comunicación e labores de publicidade da Obra Social.
Como directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, desenvolve o deseño e posta en marcha do programa cultural do Gaiás e aquelas iniciativas que itineran a espazos fóra do complexo arquitectónico deseñado por Peter Eisenman, espallando os contidos culturais a recintos galegos e do exterior. A coordinación de equipos multidisciplinares que interveñen nos proxectos, o deseño e control orzamentario, e a xestión dos departamentos de exposicións, entre as que destacan Orinoco. Viaxe a un mundo perfecto (2013); Agua doce. Cando a auga é arte (2014); José Suárez (1902-1974). Uns ollos vivos que pensan (2015); Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería (2019); CARNE Y ARENA (Virtualmente presente. Físicamente invisible), de Alejandro González Iñárritu (2022); e Camiños creativos (2023); actividades, produción e o servizo de educación, mediación e atención ao visitante do Museo Centro Gaiás, son tamén parte importante do seu desempeño.
O apoio á creación contemporánea reflíctese no desenvolvemento de programas como REB/VELADAS NA PAISAXE; as Residencias Artísticas do Gaiás (REGA) (2021-2024); o Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción, ESCENAS DO CAMBIO (2015-2024); e ASALTOS! Ring ao redor da palabra: escrita, cantada ou falada; entre outros.
Os labores de comunicación están moi presentes desde os comezos desta actividade profesional. Coa incorporación ao equipo do Grupo Galaxia, como directora de Merlín Comunicación, engade a esta estensa traxectoria unha faceta nova que combina a experiencia en xestión cultural con accións de comunicación que fornecerán o coñecemento e difusión do estimulante proxecto Galaxia, a editorial decana de Galicia e unha das máis lonxevas do territorio do Estado español, con actividade ininterompida desde 1950.