A escritora, Carmen V. Valiña, recibiu, o pasado venres, na Coruña, o Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega grazas á súa obra Illa de sangue e foi galardoada con 12.000 euros e coa publicación do seu libro por parte da Editorial Galaxia, que xa se pode atopar nas librerías.

O acto de entrega tivo lugar na sede da Fundación Paideia Galiza e estivo presidido por Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, Natalia Barreiro, directora do Complexo Industrial de Repsol A Coruña, e Xosé Manuel Soutullo, director de Editorial Galaxia.
Asistiron tamén ao acto o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, os concelleiros de Cultura da Coruña e Arteixo, Gonzalo Castro e Dolores Dubra, membros da corporación de ambos concellos, así como diversas autoridades e representantes de entidades empresariais e socioculturais, entre outros asistentes.
A entrega contou no seu peche cun recital de dous dos membros do grupo galego de música tradicional Xiro: Icia Kirk, vocalista e percusionista, e Xan Pampin, acordeonista.
Illa de sangue
Na súa XIX edición o Premio Narrativa Breve Repsol contou cunha participación de máis de corenta obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.
Fran Fernández Davila, voceiro do Xurado, destacou no pasado mes de outubro da novela de Carmen V. Valiña “a súa habelencia para nos mergullar nun xogo de espellos temporais que dunha banda nos traslada aos difíciles días da inmediata posguerra e ao mundo dos represaliados e, doutra parte, sitúanos nun presente convulso coa simbólica illa de San Simón como escenario”. Segundo os membros do Xurado a obra “está escrita cunha prosa de fino burilado e tinturas líricas, esta narración ábrese tamén á intriga coa desesperación dunha das protagonistas, misterio que nos levará ata un final que, de seguro, lle resultará a quen lea tan sorprendente coma desacougante”.
A gañadora
Carmen V. Valiña (Baio, A Coruña, 1985) é doutora en Historia Contemporánea, profesora na Universidade Europea Miguel de Cervantes (UEMC) e creadora e directora de PeriFéricas, Escola de feminismo as alternativos.
Combina a investigación sobre a memoria das mulleres anónimas dos séculos XIX e XX cunha vertente como escritora de ficción onde as lembranzas, o mundo rural e a autobiografía teñen un peso notable. Escribiu e publicou sobre xornalistas españolas en Oriente Medio e sobre as emigrantes da Terra de Soneira en Suíza, pero dende 2021 especializouse nas historias das mulleres internas de Conxo. Froito dese traballo é o seu ensaio As tolas que non o eran (2025, Galaxia).
En 2024 participou na residencia Mariñán de Literatura e Pensamento e na Residencia Literaria da Illa de San Simón, e neste ano foi unha das autoras seleccionadas para a V Residencia Literaria da Cidade da Cultura, REGA 2025.