O 25 de novembro lembra algo que non deberiamos esquecer ningún día: a violencia contra as mulleres segue presente en todo o mundo e a loita pola súa erradicación é unha responsabilidade colectiva.
A cultura, o pensamento crítico e os libros tamén son ferramentas para transformar a realidade. Aquí van cinco obras de Editorial Galaxia que axudan a mirar, entender e desarmar algunhas das violencias que atravesan as mulleres.
Feminismo en cen palabras, de Luca Chao
Un convite para pensar a igualdade desde a raíz: nomear o mundo na nosa lingua, recoñecernos e ter un marco básico para comprender a teoría feminista.
As múltiples cores da vida. Corpos, identidades e orientacións sexuais
Coordinadoras: María Victoria Carrera Fernández e Nazaret Blanco Pardo.
Unha mirada á realidade das persoas LGBTI: discriminacións, violencias e retos que seguen vixentes. Recolle análises e propostas para construír unha sociedade máis xusta e libre de prexuízos.
Hackeamos o patriarcado
A desigualdade tamén vive, e medra, no mundo dixital. Esta obra analiza como as mulleres e as disidencias sofren violencias específicas en redes, algoritmos e tecnoloxías, e achega vías para transformar o espazo dixital nun lugar seguro e igualitario.
As benfaladas, de María Xosé Porteiro
Se non nos deixan falar, non nos deixan existir. Este libro reflexiona sobre séculos de silenciamento feminino e propón camiños para recuperar a voz e combater a violencia simbólica que aínda está presente.
Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia?
Coordinadora: Susana Reboreda Morillo.
A historia contou só unha parte. Este volume reconstrúe o papel das mulleres desde a Prehistoria ata o século IV, desmontando estereotipos e devolvéndolles a presenza que lles foi arrebatada.
Se algo nos lembra esta data é que coñecer tamén é resistir. E que a palabra, cando se escribe e se le coa intención de mudar a realidade, pode abrir camiños onde antes só había silencio.