Chega “Os rótulos da nosa vida”, un percorrido visual polo patrimonio gráfico e emocional de Galicia

Categoría: Nova

Chega aos nosos almacéns Os rótulos da nosa vida, unha obra, publicada na colección Reportaxe de Editorial Galaxia, que estará dispoñible en todas as librarías a próxima semana. O libro está pensado para persoas nostálxicas e para quen sente a necesidade de preservar un patrimonio urbano que está desaparecendo.

Durante décadas, os rótulos comerciais foron moito máis que sinais: nomearon espazos, anunciaron oficios e deron carácter ás cidades. Este volume reúne máis de 600 fotografías tomadas por toda Galicia, nas que se recollen letras pintadas, vidros dourados, rótulos corpóreos, madeira, metal ou azulexos. Un arquivo visual que preserva o patrimonio gráfico e emocional de Galicia.

Os autores, Ana Cocho, arquitecta e enxeñeira en IA; Jorge Lens, fotógrafo e profesor da Universidade de Vigo; e Robert Willemse, informático, deseñador gráfico e fotógrafo vinculado ao estudo do patrimonio popular, reconstrúen, a través das imaxes, unha memoria compartida que habita nas rúas e que merece ser coidada.

A primeira presentación celebrarase o xoves 27 de novembro, ás 19:30 h, na Galería Maraca de Vigo. Contará coa presenza de Jorge Lens, Robert Willemse, e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email