Esta semana tivo lugar no Pazo de Congresos e Exposicións de Compostela a entrega da VII Edición do Premio Frei Martín Sarmiento, un certame que dende hai sete anos premia, cos votos dos alumnos e alumnas, as que consideran mellores obras escritas para o seu chanzo de idade. Nesta edición participaron arredor de 2400 escolares galegos que, na categoría de 1º e 2º da ESO decidiron premiar a obra 'Chamádeme Simbad' de Francisco Castro, mentres que na de 3º e 4º optaron por Carlos Vila Sexto e a súa exitosa 'As sete mortes'.
Deste xeito, os dous premios foron a parar a obras do catálogo de Galaxia. Ambos os autores amosáronse moi satisfeitos por recibir un galardón decidido polos destinatarios derradeiros dos libros.