Cando esteamos mortos

Categoría: Opinión

“Xa non quedan xornais que falen da nosa cultura”. Esa é a conclusión á que chegaron varios altos cargos do departamento aínda dirixido por Roberto Varela neste verán estraño. Un estío no que o sol fuxiu esquivo e o ceo puxo o seu horizonte nun inverno que ameaza con ser demasiado longo. Esa simple conclusión, ademais, pode estar acompañada no 2012 dunha sentenza escura. O próximo ano, que debería ser o ano de Galicia como tarefa, parece que chegará con fame atrasada. E un só pode lembrar, con medo e ganas de equivocarse, o título dunha fita de Díaz Yanes: “Ninguén falará de nós cando esteamos mortos”. Ao longo dos últimos meses todos os sectores culturais alertaron das dificultades que padecían e avisaron que todo podería ir a peor. Entre recortes e desmantelamentos, o 2012 pode ser o epitafio dun sector que move máis do 2% do PIB galego e que xera 26.000 empregos. En Galicia hai moita tarefa por diante. Algúns xa o esqueceron, pero outros non están dispostos a escribir obituarios culturais que se perdan no silencio colectivo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email