Camiñando da man de Otero Pedrayo

Categoría: Nova

O sábado 10 de setembro a Fundación Otero Pedrayo organizou o Primeiro Roteiro Literario baseado na obra do escritor ourensán.

A primeira hora da mañá, unha vintena de veciñas e veciños de Trasalba (Amoeiro) partiron da Casa Museo de Cima de Vila, para percorrer a contorna seguindo os textos do escritor recollidos no volume Trasalba, terra literaria, presentado no pasado mes de xuño durante a entrega do Premio Trasalba.

Ao longo da xornada, tiveron a oportunidade de comprobar que don Ramón Otero Pedrayo recreou nos seus escritos, os lugares e persoas da que foi a súa aldea familiar, reflectindo con fidelidade, todo aquilo que lle era coñecido.

O pazo Gayón, o dos Doncos n´Os camiños da vida, a Bergueira, a Fonteliña, o Quintairo ou o muíño do Ruzo presenciaron na mañá do sábado, lecturas públicas de diferentes fragmentos literarios. Moitos foron os veciños interesados na actividade. Entre eles, as netas do señor Vences de Alén, protagonista d´A lagarada, unha das pezas teatrais máis coñecidas do escritor, que compartiron cos asistentes as súas lembranzas e coñecementos.

A iniciativa abre un proxecto da Fundación que pretende dinamizar e dar a coñecer a obra do Patriarca das Letras Galegas. Esta foi a primeira dunha serie periódica de andainas coas que se busca familiarizar a veciños, visitantes e estudantes coa obra oteriana.

Poden obter máis información sobre os próximos roteiros e sobre as visitas guiadas dirixidas aos estudantes de ensino medio no enderezo electrónico da Fundación fundacion.otero.pedrayo@gmail.com ou ben a través do seu teléfono, 988 281139.

Comparte nas túas redes sociais ou por email