Galaxia publica '1Q84 Libro 3', de Haruki Murakami

Categoría: Nova

Logo da publicación dos Libros 1 e 2 en febreiro pasado, moi ben recibidos entre as lectoras e os lectores galegos e con excelentes críticas no noso país, volven Aomame e Tengo, desta vez na compaña do detective Ushikawa. Haruki Murakami continúa a historia de Aomame, que, despois de asasinar o líder da seita Vangarda, refúxiase nun apartamento agochado mentres conserva a esperanza de reencontrarse con Tengo, o outro protagonista da novela. A narración desenvólvese á vez en dous mundos imbricados, o de 1984 e o de 1Q84 —en xaponés, Q e 9 pronúncianse do mesmo xeito—, un universo singular, de noites iluminadas por dúas lúas, que absorve e imita a realidade, que a fai súa.

Con motivo da recente publicación de 1Q84 Libros 1 e 2, a novelista Amélie Nothomb, autora de Un nome de dicionario (Galaxia, 2003), escribe no xornal Le Monde:

"Haruki Murakami crea universos dos que unha queda prsioneira. A simplicidade do seu estilo ou, máis ben, do seu método desconcerta: descríbeo todo, preferentemente o que non é interesante. Faino cunha distancia fenomenolóxica tan respectuosa e tan escrupulosa que, en troques de amolar ou facer rir, engaiola. O autor convida dese xeito a que os lectores poñan toda a súa atención nos elementos máis pequenos da narración para que cada un deles xogue o papel de interface. Pois o miolo da literatura de Murakami é ese: establecer conexións entre o noso mundo e outro universo que non sabemos exactamente cal é mais do que si sabemos o que é. […]
Outra volta, o encantamento funciona: quedamos absortos nunha lectura que ten un aquel de manga e de ucronía mais tamén, e sobre todo, quedamos engaiolados por unha atmosfera que só pertence a Haruki Murakami."
Pódese ler o resto do artigo na ligazón que deixamos á dereita destas liñas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email