Será ás 20:00 h no Café Moderno, nun acto no que ademais do autor van participar Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, e Miguel Barros, conselleiro delegado de Xornal de Galicia.

Freixanes volve nesta novela ao ámbito ficcional de O triángulo inscrito na circunferencia, unha Vilanova de Alba deshabitada e crepuscular na que os relatos sobre fuxidos, as consecuencias da guerra civil e a epopea da emigración e o exilio conviven nun patchwork de historias enfiadas por un narrador que retoma a música da memoria dos vellos cantares da literatura oral.

Nunha pousada do lugar de Pasamundos cítanse sete xogadores por bando. Os de Vilanova, co cura de Boullón á cabeza, dunha parte e, da outra, os señoritos de Santiago e os lugueses, que capitanea o de Santiso coa súa fasquía de xigante matador de homes. Cada xogador ten unha xogada na que é mestre, e tamén ten a súa historia. A partida non só é un botar cartas na mesa, tamén é un faladoiro no que se contan a lenda do Pozo da Señora nos días terribles da francesada ou a do mouro de Mourente, que agarda a volta da moza que o namorou, a do guerrilleiro Benito Silva ou a da carta da Fin do Mundo agochada no convento das freiras de Santa Clara.

O narrador, que de neno oíra nos velorios a voz do Quintín de Borela engaiolando os paisanos coa arte oral do pobo, retorna ao mester de contar historias, volve ao territorio da literatura para, agora coa forma dunha novela, dispoñer perante os lectores o que soamente a literatura pode contar. En Cabalo de ouros, a literatura é o lugar onde sobreviven as historias que o tempo mata; Vilanova de Alba desaparece mais a súa memoria queda escrita, atravesa o río do silencio coma antano se atravesaban as augas no lugar do Pasamundos. Na obra de Freixanes, a palabra que narra é a que permanece, a que salva as vidas perdidas no outro lado do silencio.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR