Blanco Amor feito con Amor

Categoría: Nova

Hoxe, Sarabela Teatro porá en escena, ás 21 horas, 'A esmorga' de Eduardo Blanco Amor, no Auditorio Municipal de Ourense.
Co gallo desta importante estrea, mantivemos unha entrevista coa directora Ánxeles Cuña.

PREGUNTA: ¿Por que A Esmorga de Blanco Amor?

RESPOSTA: Porque Blanco Amor é extraordinario. Porque somos de Ourense e sentimos por el altísima estima, orgullo e admiración. Sabemos, ademais que tiña mentes de levala ao teatro. Confiamos absolutamente no seu valor e esperamos que esta proposta arriscada, sexa viva e
digna. A OBRA CUME DA NOSA NARRATIVA FEITA TEATRO por segunda vez (pero doutra maneira), coincide co 50 aniversario da publicación da novela e os 30 anos do pasamento de Don Eduardo Blanco Amor, o noso autor ourensán e universal. Coincide asemade con que nós estamos a piques de cumprir os 30 de pervivencia no teatro.
Porque é a primeira creación como Compañía Residente do Auditorio de Ourense e cremos que é a obra que mellor pode potenciar a vida teatral da cidade.¿Moitas coincidencias?
Como non podía ser doutra maneira, hai moitos motivos para facer A esmorga. Esta é, por riba de todo, a nosa contribución para celebrar e compartir este EVENTO ÚNICO con todos os espectadores e espectadoras que queiran achegarse a vela.

P: Na obra combinades actores con músicos, ¿como foi o proceso de adaptacións a uns e outros?

R: Aos ensaios están asistindo Yuri Sidar e Vazzim Yukhnevich, dous virtuosos músicos vielorrusos. Rotarán nas funcións. (É un motivo máis para ver a obra dúas veces). Xa os coñeciamos. Traballamos xuntos en "Margar no pazo do tempo" e na lectura dramatizada (a partires dun texto de María Lopo) "María Casares, a vida triunfante". É un auténtico privilexio e pracer traballar con eles. Ademáis teñen
presenza escénica, intégranse coma personaxes. Son moi precisos, rápidos e creadores. Os músicos comezan interpretando o tema do excelente e benquerido compositor ourensán Manuel de Dios para o espectáculo.Os actores cantan baixo a batuta de Vazzim nos ensaios. É coma un Requiem que introduce a Cibrán, un dos tres esmorgantes, (xunto con Bocas e Milhomes, quen escapando da xustiza cometen unha serie de delitos). Eles comparten cos actores e actrices as rendas do clima: emocional por momentos; tráxico noutros; sensual; sexual; ambiental; real, fantástico… Entran axiña nos códigos. Se a acción e a interpretación van á par pode empastarse en táboa co campo sonoro. Así está sendo e entón o resultado é vivo, orgánico, rítmico. Vanse integrando todos os elementos en harmonía cando xuntamos a composición; a espacialización;
a interpretación e o sentido. A simbiose actor-músico pódese aprezar nunha escena xestual no interior do pazo do Castelo. Dura catro minutos. A partitura corporal vai á par da partitura musical creada para amosar ao Marqués de Andrada, ese personaxe decadente, maldito, que vive de costas á sociedade e do que non se sabe se matou á súa Muller, ou a ten pechada polos ciumes… Nun dos ensaios Tito Asorey e Vazzim Yuknnevich estiveron improvisando máis de media hora cunha intensidade incríble. O proceso de "destilación" é fluído con tan boa comunicación e tanto talento. É un auténtico agasallo o tema de Cibrán que coincide coa súa reconciliación coa Raxada (a súa compañeira). O músico e os actores están expresando a opresión social e económica. A sensorialidade: o frío e o rubor. O desexo sexual, a incertidume, os medos… o requerimento de compromiso por parte da Muller- Nate Borrajo- (unha muller forte animicamente, con pouca saúde física, exprostituta e nai solteira que está disposta a volver ao bordel se o seu home (traballador eventual), non cumpre a súa palabra. É unha obra itinerante desenvolvida en vintecatro horas de esmorga e a música contribúe extraordinariamente a crear a atmosfera abafante, triste, ou os ambientes prostibularios e tabernarios con son de Tango
"Por unha cabeza" (Hai que ver a Elena Seijo no papel da Nonó; a Sabela Gago como Viguesa e a Fina Calleja como Costilleta, están dándolle "alma, corazón e vida", e nada menos, a mulleres que viven nos arrabaldos). Tía Esquilacha é Rosa Álvarez, unha das grandes "señoras" da táboa galega, (traballa por primeira vez con nós ). Na taberna os músicos apoian aos actores cantando a segunda composición de Manuel de Dios "Ourense ao lonxe" . Cos músicos entramos tamén en Sta Eufemia. A nana da Socorrito está arroupada con tenrura … A violación e a tortura son escenas duras con melodias en contraste… Importante aportación de efectos para os desprazamentos dos coros que nós diversificamos en coro do pensamento, coro social, coro da conciencia e coro da ficción. Impresionantes están Suso Díaz (Bocas, escenógrafo, iluminador e deseñador dos programas e carteis), Josito Porto (encarnando un Milhomes único) e Fernando (Cibrán, que leva como un fenómeno o peso dos monólogos e entra nos flashbacks como ninguén podería facelo). A escena do Interior do Pazo co soporte melódico de "Las cosas del querer", é para ver, non para contar.
Podería seguir… Dende a primeira escena, o espectador/a entra na traxedia. Grazas tamén ao son, porque a execución é impecable. Durante todo o proceso houbo unha excelente relación entre os músicos e o elenco que é de primeira liña. Os actores e actrices están no fío da navalla. Traballan en rexistros emocionais, actanciais, espaciais e temporais moi complexos. Fernando Dacosta corta o alento. Dá gusto velos, sentilos e oílos. Xa teño as bolboretas no estómago!

P: Hai máis de 50 anos que se publicou A Esmorga. Sen embargo, semella unha obra máis que actual. ¿Pensas que o público do século XXI pode sentirse dalgunha maneira identificado coa historia, o drama, e a crítica social que Blanco Amor plantea?

R: Blanco Amor ubicouna en1868. Isto é, (segundo Méndez Ferrín), "no ano que a Revolución abriu paso ao período máis ceibe e fascinante da Galicia e da España do século XIX". Nós cremos que sería totalmente fascinante levala a ese momento histórico, pero tamén cremos que pode acontecer en calquera tempo e en calquera lugar e optamos pola actualización. Está enfocada coma unha TRAXEDIA CONTEMPORÁNEA. Os temas van á par da acción, opresión económica, dominio social e represión sexual levan aos mozos ao asasinato ou á autodestrución.

P: E unha petición final: dinos por que hai que ler A Esmorga.

R: A ESMORGA combina con asombrosa naturalidade a esencia absoluta da vida e da morte. Intensa, emocionante e, sobre toda apaixoada, é unha obra MESTRA, das mellores xamais escritas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email