Onte deuse a coñecer diante dos medios de comunicación, aproveitando a inauguración da exposición 'Musicontos: o Prodixio dos Zapatos de Cristal', a colección Musicontos da editorial Galaxia. Trátase de tres volumes nacidos da colaboración estreita entre a nosa editorial e o Consorcio de Santiago quen permitiu, co seu apoio entusiasta, que os textos escritos por Xosé A. Neira Cruz se convertesen tamén en música grazas ao traballo desenvolvido pola Real Filharmonía de Galicia dirixida por Maximino Zumalave.
No acto participaron Xosé A. Neira Cruz, autor dos textos, o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, o responsable de publicacións do Consorcio Juan Conde Roa e o ilustrador de 'O Prodixio dos Zapatos de Cristal', Rodrigo Chao.
Tomou a palabra en primeiro lugar Víctor F. Freixanes quen, ademais de agradecer a participación do Consorcio "nesta apaixonante aventura editorial", explicou todo o proceso de xestación dos Musicontos, e "a fermosura que supón presenciar o diálogo entre a literatura, a música, a narración e a arte". Foi explicando de vagar o proceso de edición, certamente complexo neste tipo de libros, "mais o resultado final compensa todos estes atafegos". Salientou tamén o feito de que estes tres textos viñan de ser seleccionados para a Bienal de Bratislava de ilustración e, concretamente, 'O Prodixio' viña de entrar na prestixiosa lista White Ravens deste ano.
Despois, Juan Conde Roa, responsable de publicacións do Consorcio, lembrou o instante primeiro no que se lle propuxera a idea e como se entusiasmou dende ese inicial momento. Explicou tamén a sensación de ledicia que o invadíu cando lle chegaron os libros saídos do prelo e que "esta é unha colección para presumir de país".
Acto seguido, o ilustrador Rodrigo Chao dixo que "é un luxo para calquera ilustrador traballar nun proxecto así". Explicou de vagar o proceso creativo que seguiu para a realización das ilustracións, e como, dalgunha maneira, o tratamento plástico escollido "foi froito das palabras contidas no conto".
Pechou o acto o autor do conto, así como dos outros dous que forman de momento a colección ('O debut de Martino Porconi', ilustrado por Federico Fernández e 'Un bico de amor e vida', por Enjamio), Xosé A. Neira Cruz, quen comezou recoñecendo que, a pesar da alta calidade da literatura infantil e xuvenil en Galicia, e de que "somos capaces de facer produtos de tantísima calidade coma estes que hoxe presentamos aquí, sen embargo, a nosa cultura e as nosas letras siguen a ter moitas dificultades para ser recoñecidas". Ao seu ver, "a melloría da calidade da literatura infantil e xuvenil nos últimos anos é absolutamente indiscutible", ao tempo que, como xa manifestaran os demais participantes no acto, "os Musicontos son unha colección para celebrar e para gabarnos como país".
Despois, e como volverá a suceder os dous vindeiros martes, a escritora e actriz Ana Carreira desenvolveu unha sesión de contacontos.
A exposición permanecerá aberta ata finais de outubro.