Baixar do tren

Categoría: Opinión

Din os versos dunha das miñas cancións favoritas que hai xente que vive e aprende e algunha xente só vive e vive. E que certo é!

Podemos velo simbolizado nas inmensas rúas ateigadas de xente que te arrastran no seu arroutado camiñar, como glóbulos na circulación sanguínea, rúas como arterias de xente bombeada por un corazón alleo.

Non sei en que punto da viaxe nos perdemos, nin cando o fixemos, pero está claro que pasou. Cando nos esquecemos de nós mesmos e do que somos?, cando deixamos de ver o mundo cos nosos propios ollos?, cando empezamos a movernos e a vivir sen pensar , como se todo xa viñera dado, como se todo fose así porque si?, cando decidimos que todo é branco ou negro?, cando puxemos a vista na fin do camiño, e perdemos a ilusión de gozar cada paso?, cando subimos a este tren desbocado?

Móbiles, intolerancia, berros,televisión, ruído que pretende ser música, cartos, balbordo, bancos, política, violencia… todo tan achegado e lonxano a un tempo.Vivir, vivir e vivir, sen deterse, e se fose posible, cada vez máis rápido.

Eu quero aprender, quero parar, vivir e aprender, sentir que o mundo non é un decorado que un tren supera a gran velocidade, sentir que somos parte del. Quero parar, ver como o sol se agocha paseniñamente no solpor, sen présa. Quero escoitar ás árbores abaneando co morno vento, e ós insectos no verán, quero ulir a mar brava e sentir o negro ceo das noites. Quero falar a modo coa xente, aprender dos que saben, e escoitar a quen ten cousas que dicir, saber que non sempre se ten a razón, quero compartir apertas e sorrisos, beixos e bágoas, medrar como persoa… quero aprender.

Eu, a modiño,baixo do tren…

Comparte nas túas redes sociais ou por email