Héitor Mera

Categoría: Recensión

POR QUE NON APRENDO?

Cando comeza a albiscarse algún problema na educación dos fillos/as, os pais e nais tenden a preocuparse. Os sentimentos son de inseguridade, medo e negación nalgúns casos… As dificultades da aprendizaxe son unha realidade lapidaria para moitos pais e nenos e ao mesmo tempo unha nebulosa, unha abstracción coa se senten perdidos e que os bloquea sen saberen como actuar.

O libro de Silvia Caride dános moitas chaves teóricas e prácticas. Qué son as dificultades de aprendizaxe e como enfrontar esta realidade que, ao contrario do que poida parecer nun primeiro momento, non ten por que ser ningunha desgraza se se actúa con dilixencia.

A través das páxinas deste libro, Silvia afasta moitos dos prexuízos e mitos sobre a cuestión. Axudará, sen dúbida, a moitos pais, profesores e alumnos a saír adiante desenvolvendo as virtudes que todos e todas posuímos.

Realismo e desdramatización, xunto a unha competencia na disciplina moi notables, son ingredientes dun libro que se vai facer necesario nos distintos ámbitos da comunidade escolar. Se a isto lle engadimos un estilo claro, conciso e sen requintamentos innecesarios; asumible para un público moi amplo que estea desexoso de entrar na materia, podemos facernos unha idea da marabillosa contribución coa que nos agasalla esta prestixiosa psicopedagoga viguesa.

Especialmente recomendable para os que queren liberarse de medos relacionados cos seres máis queridos: os fillos/as.

Comparte nas túas redes sociais ou por email