Merchi Rodal, colaboradora do programa Larpeiros da TVG, presenta o seu novo receitario, Novas lambetadas dunha larpeira feliz, este sábado día 19 de decembro ás 20h na tenda 'A despensa de Alarico' de Allariz. O primeiro libro de cociña de Merchi Rodal, As lambetadas de Larpeiros, leva impresas cinco edicións, que dan boa conta do grande éxito dos seus doces entre o público galego.

Con Novas lambetadas nunha larpeira feliz, volve agasallarnos con máis de 70 gorentosas propostas, que recollen un amplo abano de especialidades: biscoitos e madalenas; chocolates; cremas, mousses e flans; galletas e pastas; tortas e pasteis; froitas e marmeladas… Variadas receitas e orixinais combinacións de ingredientes para conseguir uns postres espectaculares, como ben testemuñan as presentacións fotográficas de Estefanía Cal e Laura García.

Na conversa con Paula Cermeño que introduce o libro, dise que Merchi "ten sem- pre pintado un sorriso na cara. Nótase que goza facéndolle a vida máis doce aos demais. Na cociña e na casa flota durante a nosa conversa un recendo bárbaro a canela e a manteiga, porque sempre ten algo tentador no forno… E asegura que o segredo para ser feliz está contado neste libro". Este Nadal non debemos deixar pasar a oportunidade de contaxiarnos desa doenza lambeteira!!!

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR