Este venres 15 de xuño, a partir das 18:30 h, Antonio Piñeiro estará na librería Librouro de Vigo, asinando exemplares da súa obra As fiandeiras, Premio de Novela García Barros 2011.
Ao longo de toda a tarde o autor departirá cos seus lectores, que ademáis terán nesta ocasión, e por xentileza de Librouro, a oportunidade de recibir coa adquisición da novela o agasallo do gravado orixinal 'Can deitado', realizado coa técnica de punta seca, nunha serie limitada e numerada ata 200 exemplares.
As fiandeiras recolle o episodio emancipador dunhas mozas da Galiza interior do século XIX; nuns actos que lles traerán a persecución polos poderes dominantes, pero que non borrarán da memoria da máis nova delas, unha nena aínda, nin tales feitos nin o motivo que os inspirou.
Unha fábula que bebe nas fontes da mitoloxía clásica, ambientada no clima romántico das revoltas cantonais da Gloriosa, contada nunha linguaxe de ton lírico que lle otorgou o recoñecemento unánime do xurado do García Barros.