Antón Lopo presenta A PALABRA EXACTA en Compostela

Categoría: Nova

O autor estivo acompañado polo profesor e crítico literario Luís Cochón e por Xosé Manuel Pereiro, xornalista e irmán do poeta homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano.

Deu a benvida aos asistentes Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, quen salientou o acerto de Antón Lopo ao escribir a biografía do poeta a partir das voces das testemuñas que o coñeceron e viviron ao seu carón, nun texto na xinea do novo xornalismo norteamericano. Luís Cochón, pola súa banda, pescudou no sentido do mot juste, a "palabra exacta" do título da biografía, e mais na literatura e a súa relación coa morte como anticipación dunha ausencia, relacionando a obra de Pereiro co derradeiro poemario de Alexandre Cribeiro. En efecto, o texto literario é indicador dunha presenza furtada, a de quen o escribiu e nunca chega a comparecer completamente na lectura.

De seguido, Xosé Manuel Pereiro agradeceu a Lopo a escritura dunha biografía que parte dos testemuños dos familiares e amigos do poeta mais consegue trascendelos, e, cun fino sentido do humor, ironizou sobre o seu propio papel de personaxe do libro. Rematou as intrervencións Antón Lopo, que falou da xénese da biografía e do seu interese, anterior á decisión da Academia Galega, pola vida e obra de Lois Pereiro. A escritura, no caso deste libro, foi coma se unha predestinación se acabase por cumprir. Puxo o ramo á presentación, un pequeno e animado coloquio cos asistentes.

Comparte nas túas redes sociais ou por email