Ana Romaní ingresa na Real Academia Galega

Categoría: Nova

O pasado sábado o pleno da Real Academia Galega nomeou académica numeraria electa á poeta e xornalista Ana Romaní, quen lerá o seu discurso de ingreso nunha sesión extraordinaria convocada nos próximos meses.

Dende a Real Academia apuntan que Ana Romaní (Noia, 1962) “é unha voz de referencia do xornalismo cultural e da poesía galega contemporánea”. Deste xeito, destacan a súa labor á fronte do programa decano da información cultural diaria da radiodifusión galega, o Diario Cultural da Radio Galega, que a escritora dirixe dende 1990, e dende o que promoveu iniciativas como o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que axudou a reinventar o xénero e a fomentar a creación; ou De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI (2013), unha antoloxía sonora con versos inéditos de trinta e seis poetas arredor de poemas de Rosalía de Castro.

Autora fundamental do cambio de discurso poético entre as décadas dos 80 e 90, a obra de Ana Romaní ocúpase da deconstrución da tradición literaria e da recuperación dos rostros ocultos da historia desde unha perspectiva de xénero. O seu último libro ata o momento é Estremas (2010), aparecido na colección Dombate desta Editorial, e que supuxo a consagración da autora, recibindo no ano seguinte á súa publicación numerosos premios: o Premio da AELG ao mellor libro de poesía, o Premio Ánxel Casal ao mellor libro de poesía outorgado pola Asociación Galega de Editores, ou o Premio da Crítica á creación literaria, entre outros.
Alén da literatura sobre o papel, desenvolveu proxectos vinculados á oralidade da poesía e á súa expresión da man doutros creadores. O seu traballo abrangue ademais outros xéneros, con títulos como a Antoloxía de Antón Avilés de Taramancos, publicada por Galaxia no 2003, e un continuado traballo para facer visibles as achegas das mulleres á cultura desde distintos espazos.
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email