O próximo luns, 19 de marzo, celebramos o día do pai, e dende Galaxia, queremos animarvos a facer da lectura un acto familiar, unha oportunidade para tecer vínculos e divertírmonos xuntos mentres aprendemos. Por iso, o día 19 animámosvos a aproveitar a oportunidade e agasallar con algún libro en galego que ler en familia. Pedirlle a papá que nos lea, por exemplo, Papá é meu, un marabilloso conto infantil de Fina Casalderrey ilustrado por Irene Fra e protagonizado por Adela e Paulo, dous irmáns que rivalizan por ver a quen lle fai máis caso papá. Este, ou calquera outro: unha novela, un poemario, un comic… O importante é facer dos libros un lugar de reunión, un tema de conversa, un cariño.