Alfonso Mato e Santiago Lamas gañan o Premio de Ensaio Ramón Piñeiro 2015

Categoría: Nova

A obra "De camiños, viaxeiros e caminantes. Peregrinos de NÓS ao cabo do mundo", da que son autores Alfonso Mato e Santiago Lamas, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2015, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa. A xuntanza do xurado realizouse o pasado día 21 de decembro de 2015, ás 10'30 horas, no Centro Ramón Piñeiro, en Santiago de Compostela.

O ensaio premiado nesta décimoquinta edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia o durante o ano próximo, trata o tema da viaxe que en 1927 fixeron a Santo André de Teixido Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey.

Os autores desenvolven unha reflexión profunda e suxerente sobre o significado cultural das viaxes, sobre a relación entre camiño e literatura, movemento e lectura. O texto dialoga desde a actualidade cunha Galicia europea de inicios do século XX, mediante un estilo aberto e rico que, de xeito ameno, nos interroga sobre os grandes desafíos da Galicia de hoxe.

Santiago Lamas (Pontevedra, 1944), psiquiatra, é autor, entre outros títulos, dos ensaios Notas para una teoría de la realidad (1988), Imarginaciones (1988), Sobre el yo y otros objetos no identificados (1994), Galicia borrosa (2004), Ferrín e outras historias (2007) e Fíos e lecturas (2011) e Fisterras Atlánticas (2012). Foi Premio Fernández del Riego de xornalismo en 2008.

Alfonso Mato ten desenvolvido, entre outras funcións, as de editor de textos como o titulado 'Ánxel Casal, un editor para un país'.

O xurado, que concedeu o premio por unanimidade, estivo formado por Don Luís Alonso Girgado, Don Lourenzo Fernández Prieto, Dona María López Sández, Dona Dolores Vilavedra e Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos catro orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.

Comparte nas túas redes sociais ou por email