Anisia Miranda, escritora cubana, escritora galega, compañeira de Xosé Neira Vilas, finou onte aos 76 anos de idade na súa casa en Gres (Vila de Cruces), onde levaba 15 anos vivindo. Será despedida hoxe, na máis estrita intimidade, ás 12 da mañá.
Anisia Miranda é un nome esencial da cultura galega, en especial trala fundación, en unión co seu compañeiro, da Editorial Follas Novas en 1957, na Galicia americana de alén-mar, coa idea de difundir o libro galego. Na capital arxentina conviviu con Blanco Amor, Ramón de Valenzuela, Rafael Dieste, Laxeiro ou Alonso Ríos entre outros.
Autora internacionalmente premiada, destacou como narradora e como dramaturga. Nos últimos anos, os recoñecementos chegáronlle tamén en Galicia, tras ser nomeada Filla Adoptiva do Concello de Vila de Cruces, Chairega de Honra e, en Ponteceso, o premio 'Bos e xenerosos'.
Dende a Editorial Galaxia manifestamos a nosa dor por esta perda ao tempo que enviamos unha aperta fraternal ao seu compañeiro de toda a vida, Xosé Neira Vilas.