A Penzol conmemora cunha exposición o 50 cabodano de Ramón Otero Pedrayo

Categoría: Nova

A Fundación Penzol inaugurou na Casa Galega da Cultura de Vigo a exposición Ramón Otero Pedrayo. 1888-1976, unha mostra biobibliográfica que rende homenaxe a unha das figuras máis destacadas da cultura galega no marco do Ano Otero Pedrayo, declarado con motivo do cincuenta aniversario do seu pasamento. A iniciativa conta coa colaboración da Cátedra Institucional Otero Pedrayo da Universidade de Santiago de Compostela.

A exposición propón un percorrido divulgativo pola vida, a traxectoria intelectual e a dimensión académica do autor a través de catro grandes paneis, aos que se suma unha selección de primeiras edicións das súas obras, manuscritos de novelas tan relevantes como Os camiños da vida e Arredor de si, así como diversa documentación persoal e correspondencia con figuras clave do galeguismo político e cultural, entre elas Alexandre Bóveda, Ánxel Casal, Castelao, Ramón Piñeiro, Vicente Risco e Fermín Penzol.

A mostra permite tamén poñer en valor a estreita relación de Ramón Otero Pedrayo coa Fundación Penzol e con Editorial Galaxia, ámbitos fundamentais na preservación, estudo e difusión do legado cultural galego. Non en van, a Fundación Penzol custodia o seu arquivo por desexo do propio autor.

A exposición poderá visitarse ata o 14 de xuño na Casa Galega da Cultura de Vigo e constitúe unha nova oportunidade para achegarse ao pensamento e á obra dun dos intelectuais máis influentes da Galicia do século XX.

Comparte nas túas redes sociais ou por email