Editorial Galaxia participou os días 27 e 28 de marzo en dous encontros celebrados en Madrid arredor da cultura galega e da proxección da galeguidade.
O venres 27 de marzo celebrouse, na Biblioteca do Centro Galego de Madrid, a conferencia Crear porvir. 75 anos de Editorial Galaxia, impartida por Xesús Domínguez Dono, director de Produción de Editorial Galaxia.

A sesión serviu para facer un percorrido pola historia da editorial, fundada o 25 de xullo de 1950, e para afondar no seu papel na conservación, difusión e normalización da lingua e da cultura galegas ao longo destes 75 anos. Durante a intervención, tamén se lembrou o labor desenvolvido desde os seus inicios por figuras como Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Ramón Piñeiro, vinculadas á orientación do proxecto editorial nun contexto histórico especialmente complexo.
No marco deste encontro, o Centro Galego de Madrid recibiu ademais dúas obras de Editorial Galaxia, que pasarán a formar parte da súa biblioteca.
A presenza de Editorial Galaxia en Madrid continuou o sábado 28 coa celebración do LVIII Cabido Xeral da Enxebre Orde da Vieira, organizado pola Fundación Cultural da Vieira para potenciar a galeguidade.
O acto tivo lugar no Hotel Eurostars Suites Mirasierra, en Madrid, e a xornada incluíu a cerimonia capitular, a entrega de distincións: Madrigalegos de Ouro e Trofeos Galeguidade 2026, a cea de confraternización e o ritual da queimada.
