A palabra como ponte: chega “Trazo Dobre”

Categoría: Nova

Editorial Galaxia acaba de recibir Trazo Dobre, o novo libro de poesía de Patricia Sánchez Abeal, unha voz que explora o territorio da palabra como espazo de tránsito, reflexión e afecto. Inclúe un limiar de Dores Tembrás, que dialoga coa proposta poética do libro.

En Trazo Dobre, o grafito non é só materia: é imaxe e reflexo. O trazo convértese nun xesto que abre, que conecta, que tende pontes sobre un mapa que xa non entende de fronteiras fixas. A escrita sitúase no limiar, nun lugar onde quen escribe se expón e se recoñece ao tempo, despregando un mantel limpo sobre o vello mapa de Europa. As historias entrecrúzanse, as linguas dialogan, e falar deixa de ser unha liña recta para se converter nun exercicio de aproximación, nunha cuestión de afecto.

A proposta poética de Patricia Sánchez Abeal constrúe un espazo sen marxes ríxidas, onde identidade e territorio se reformulan desde a experiencia e a conciencia de movemento. A súa voz, atenta ás fendas e aos espellos, traballa coa palabra como ferramenta de encontro e tamén de cuestionamento.

Nada en Betanzos en 1981, Patricia Sánchez Abeal viviu en diferentes lugares do mundo, unha experiencia que reafirmou a súa querenza por estar preto do mar. Preside a asociación Proxecto Ewa, colabora habitualmente no Club Faro de Vigo e foi codirectora do festival PoemaRia. Con Oceanografía obtivo un accésit no Certame de Poesía Francisco Añón 2011.

Comparte nas túas redes sociais ou por email