Reencontro, de Fred Uhlman, regresa agora ás librarías nunha nova reimpresión que confirma a súa vixencia e a capacidade de seguir interpelando lectoras e lectores de distintas xeracións.
Publicada en 1971 e convertida axiña nun éxito mundial, esta novela breve constrúe unha historia de amizade marcada pola fractura histórica do século XX. Hans, fillo dun médico xudeu, e Konradin, descendente dunha das familias aristocráticas máis antigas de Alemaña, comparten afinidades, inquedanzas e unha maneira semellante de entender o mundo. Esa conexión convérteos en amigos íntimos ata que a chegada de Hitler ao poder altera para sempre as súas vidas: Konradin intégrase nas filas nazis e Hans vese obrigado a abandonar Alemaña.
Na base do recoñecemento internacional de Reencontro están a súa fondura, a súa emotiva sinxeleza e unha poderosa capacidade evocativa que deixa pegada. Uhlman constrúe un relato que transcende a anécdota individual para converterse nun referente da literatura crítica co holocausto nazi.
Esta nova reimpresión é unha oportunidade para redescubrir unha pequena obra mestra ou para achegarse por primeira vez a unha historia que continúa convidándonos á reflexión.