A orixe da ficción

Categoría: Nova

"A mecánica da maxia. Ficción e ideoloxía en Álvaro Cunqueiro" é o novo título que sae do prelo da autoría de Manuel Forcadela, na colección Ensaio.

Pescudar na orixe do mundo ficcional dun escritor, nas relacións entre realidade pragmática e realidade literaria, é un dos obxectivos de "A mecánica da maxia", ensaio no que Manuel Forcadela analiza, no contexto social e biográfico das décadas de 1940 e 1950, a obra de Álvaro Cunqueiro, unha obra narrativa fundamental para entender a historia da literatura galega contemporánea.

En 1947, Álvaro Cunqueiro regresa a Mondoñedo. Ábrese, a través dese reencontro coa súa vila natal, unha parte crucial da súa existencia que rematará en 1960 cando se estableza, xa definitivamente, na cidade de Vigo. Ao longo destes 13 anos, os que van desde 1947 a 1960, vai escribir a práctica totalidade da súa obra en lingua galega posterior á guerra civil.

Neste libro, Manuel Forcadela, profesor de litertura na Universidade de Vigo, poeta e novelista, busca no propio texto cunqueiriano as respostas ao porqué desta intensa actividade literaria que levaría a Cunqueiro a escribir obras coma "Merlín e familia" ou "As crónicas do sochantre", cruciais para comprendermos a literatura galega contemporánea. Pregunta e respostas que, obviamente, teñen que ver coa visión de Álvaro Cunqueiro sobre a literatura e sobre Galicia, mais tamén coa recepción da súa obra, coa súa lexítima ambición persoal e profesional, coa súa ideoloxía, co seu traballo, coa imaxe que del se foi formando…

Comparte nas túas redes sociais ou por email