Con este galardón, a Fundación Otero Pedrayo recoñece no político santiagués a súa dedicación a Galicia, no espírito xeneroso desenvolvido no seu tempo pola Xeración Nós. O Premio, que ten carácter honorífico, entregarase, como todos os anos, na Festa Literaria que se celebra o derradeiro domingo de xuño (día 28), ás doce horas, na Casa Grande de Cimadevila, en Trasalba, no concello ourensán de Amoeiro. Consiste nun debuxo enmarcado de Isaac Díaz Pardo, unha placa e un Libro dos Amigos conmemorativo do acto, no transcurso do cal se lembra de xeito especial a memoria de Ramón Otero Pedrayo.
A Comisión de Goberno da Fundación, que é a encargada de designar anualmente a persoa á que se lle dedica o Premio logo de informar e recadar opinións do conxunto do Padroado, valorou a traxectoria vital de Xosé Manuel Beiras, "unha vida entregada xenerosamente a Galicia", salientando a súa dimensión intelectual, cívica e de pensamento.
O encargado de realizar a laudatio do homenaxeado será nesta ocasión o presidente da RAG e presidente de honra da Fundación Otero Pedrayo, Xosé Ramón Barreiro Fernández.
Biografía
Xosé Manuel Beiras Torrado naceu en Santiago de Compostela en 1936, no seo dunha familia de tradición galeguista. O seu pai, Manuel Beiras, fora comerciante, militante do Partido Galeguista e concelleiro en Santiago. Estudante de Dereito en Compostela, marchou a ampliar a súa carreira a París, onde cursou Economía e Literatura francesa, e posteriormente Economía en Londres. Nos anos sesenta entrou a traballar como profesor na facultade de Dereito da Universidade de Santiago, ao tempo que inicia a súa actividade política, participando na fundación do PSG (1963).
A súa carreira política levouno a diversos postos nesa organización, en contacto con outras organizacións nacionalistas europeas, ao tempo que foi progresando na súa carreira universitaria. Foi decano en funcións da recén fundada Facultade de Ciencias Económicas de Santiago en 1968, e en 1970 leu a súa tese de doutoramento, pola que obtivo premio extraordinario, para acceder logo á cátedra de Estrutura Económica en 1980. Nesta época realizou a maior parte dos seus ensaios científicos e de carácter económico, dende o inaugural "O problema do desenrolo na Galiza rural" (1968), "Estructura y problemas de la población gallega"(1970), ata o máis importante: "O atraso económico de Galicia", de 1972. Estas obras inciden na análise dos principais factores económicos da Galicia da ditadura, enlazando coa tradición de análise liberal do tempo da ilustración, aínda que cunha óptica esquerdista, desenvolvendo o modelo do chamado "colonialismo interior" que asociaba boa parte dos problemas e atrasos de Galicia á situación política de dependencia.
Entre 1958 e 1968 foi subdirector da Revista de Economía de Galicia, que dirixía dende a Editorial Galaxia Xaime Isla Couto.
En 1982, logo de diversos fracasos electorais do nacionalismo, participa na fundación do BNG e, en 1985, convértese en deputado no parlamento galego. Elixido membro da Real Academia da Lingua nos anos sesenta, renunciou nos oitenta por unha discrepancia política.
En paralelo, Xosé Manuel Beiras desenvolveu unha interesante actividade como tradutor a finais dos anos cincuenta, verquendo textos franceses, fundamentalmente da escola existencialista. Así traduciu a "Antígona" de Jean Anouilh e "Non haberá guerra de Troia" de Jean Giradoux, en colaboración con Xosé Luis Franco Grande, e posteriormente "Os xustos", de Albert Camus, en 1987, "Cartas a un amigo alemán", tamén de Camus, e "O tempo dun salaio", de Anne Philipe, en 1988, así como diversos textos de Sartre.
Como dato curioso, a el e mais a Xosé Luis Franco Grande débese a tradución galega de "We Shall over come "(Venceremos nós), grabada por Luis Olivares (Edigsa/Galaxia, 1967), que se convertiría en himno das mobilizacións universitarias compostelanas contra a ditadura en 1968.
Outras obras:
"A Galiza rural na encrucillada", 1975, obra colectiva
"Contaminación industrial e desenvolvimento", 1975, obra colectiva
"Constitución española e nacionalismo galego: unha visión socialista", 1985
"Prosas de combate e maldicer", 1991
"Conversas con Xosé Manuel Beiras", libro de entrevistas de Francisco Pillado Mayor e Miguel Anxo Fernán-Vello.