A memoria de Xosé María Álvarez Blázquez na Fundación Penzol

Categoría: Nova

A familia do escritor e editor Xosé María Álvarez Blázquez, a súa viúva e os seus cinco fillos e fillas, asinaron na Fundación Penzol a entrega en depósito dun importante fondo documental de quen foi unha das figuras do galeguismo e da cultura galega do século XX, a quen a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras no ano 2008.
En total: 111 carpetas e arredor de 2.000 documentos que han servir, sen dúbida, como valiosísimo material de estudo para os investigadores. Xosé María Álvarez Cáccamo, poeta, fillo de don Xosé María, pronunciou unha interesante conferencia sobre "Os papeis do noso pai", cuxo texto publicaremos proximamente na revista GRIAL.
Trátase de orixinais, textos autógrafos, notas de lectura, apuntamentos varios sobre as máis diversas materias do saber que ocuparon en vida o labor de Álvarez Blázquez, un dos grandes estudosos da nosa tradición e da nosa literatura, moi especialmente dos chamados "séculos escuros", que el prefería denominar "as nosas fontes": historia, arqueoloxía, antropoloxía, etnografía, folclore, crítica literaria, recortes de prensa, cartas, documentos varios, …
"Esta notable doazón enriquece a Biblioteca Nacional de Galicia, como alguén denominou a Fundación Penzol", apuntou Alfonso Zulueta de Haz, presidente da fundación. "Todo este esforzo de traballo, que é o esforzo de toda unha vida, non podía estar nun espazo privado", explicou Álvarez Cáccamo, "e estamos seguros de que o noso pai elixiría esta institución para custodialo".
A familia conserva aínda 79 carpetas máis, que no futuro poderían ser tamén doadas. Na Penzol existían xa coleccións procedentes dos fondos de Álvarez Blázquez que lle adquirira en vida o propio Fermín Penzol nos anos sesenta do pasado século, froito relación de ambos os dous bibliófilos. Coincidiu esta doazón coas datas do aniversario do nacemento de don Xosé María en febreiro de 1915.

Comparte nas túas redes sociais ou por email