A lingüista Teresa Moure gaña a cuarta convocatoria do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2004

Categoría: Nova

Recuperar e facer realidade a case utópica tentativa dunha lingua de uso internacional -alternativa ao inglés- é o babélico proxecto que baralla a lingüista Teresa Moure no seu ensaio, Outro idioma é posible, gañador por unanimidade do IV Premio Ramón Piñeiro de Ensaio que promoven Unión Fenosa e a Editorial Galaxia e que se resolveu no Hotel Palacio del Carmen, en Compostela.

O Premio Ramón Piñeiro de Ensaio nace porque a Editorial Galaxia considera a importancia de convocar un premio que fomente a escrita ensaística en Galicia. Foi un bo momento o ano 2000 por coincidir nesta data o cincuentenario da propia Editorial e o décimo aniversario da morte de Ramón Piñeiro.
Unión Fenosa recolle a iniciativa de Galaxia e asume, auspiciada dende un primeiro momento pola Fundación Penzol, o patrocinio do premio.
Pola súa parte Galaxia comprometeuse ao proceso completo da organización do premio e da edición do libro que será publicado na colección Ensaio da editorial.

Basilio Lourenço Fondevila foi o gañador da primeira edición do premio co ensaio A submisión das masas, Anxo Rei Ballesteros obtivo o galardón na segunda edición no 2002 polo ensaio Tempo e vinganza. No 2003 o galardón obtívoo Xosé Luís Barreiro Rivas co seu A terra quere pobo.

Tanto Ramón Piñeiro como Galaxia son nomes vencellados á promoción de ensaístas xurdidos en Galicia nos anos 50 e 60, da que forman parte figuras como Domingo García-Sabell, Rof Carballo, Celestino Fernández de la Vega ou o propio Ramón Piñeiro. A estes nomes, que deron os seus mellores froitos no campo do pensamento humanístico, deberíanse engadir os de Xaime Isla Couto, promotor do pensamento económico en Galicia, Ricardo Carballo Calero, creador dos estudios literarios en Galicia e Francisco Fernández del Riego, autor dun amplo labor de divulgación.
Autores, todos eles cun espírito crítico e aberto que incorporan xa unha visión identificativa entre galeguismo e europeísmo.

O Premio Ramón Piñeiro de Ensaio pretende revitalizar esa tradición, favorecendo a reflexión libre, fecunda e aberta sobre cuestións abordadas desde unha perspectiva tanto galega como universal.

Comparte nas túas redes sociais ou por email