É o caso do cumprimento do cincuenta aniversario da aparición de Merlín e familia, libro clave na obra de Álvaro Cunqueiro e da narrativa galega. Para conmemorar este aniversario Galaxia editará un volume ilustrado por artistas e debuxantes.
Tamén o centenario do nacemento de Antón Fraguas, que foi cronista xeral de Galicia, lembrarase coa edición de varios novos títulos. Galaxia prestaralle especial atención ao homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano, Lorenzo Varela. Antón Lopo está preparando unha biografía que contará cunha escolma poética bilingüe.
A editorial seguirá nutrindo as bibliotecas de autor. Na que corresponde a Carlos Casares, publicaranse os dous primeiros volumes da serie Á marxe, que recolle artigos que publicou en La Voz de Galicia. Ao longo de 2005 aparecerán tamén unha historia da Real Academia Galega, unha obra sobre a transición política e a edición da obra gráfica de Vicente Risco.