A historia cultural da gastronomía galega

Categoría: Nova

Galaxia publica na colección Ensaio Ben mantidos. Historia cultural da gastronomía galega, de Xavier Castro Pérez, con epílogo de Xesús Alonso Montero.

Xavier Castro Pérez, estudoso da historia cultural da alimentación e a culinaria galega, ofrécenos en Ben mantidos un percorrido polos maiores e máis ilustres protagonistas da nosa gastronomía: o cocido, o caldo, as empanadas, o polbo, as vieiras…

Unha novidosa interpretación da nosa historia, unha “nova crónica de nós”, fornecida de alento e optimismo e cunha ollada que permita que as novas xeracións se identifiquen cunha sociedade vizosa que pasou penurias xa superadas, o que leva ao autor a soster que, coa dieta atlántica, os galegos estivemos, e seguimos a estar, ben mantidos.

Xa está en todas as librarías!

Xavier Castro Pérez (Cangas, 1954) impartiu docencia nas Universidades de Santiago e Rennes, e na École des Hautes Ètudes en Sciences Sociaux, de París. Dirixiu proxectos de investigación histórica e asesorou pezas audiovisuais e series televisivas. É membro da comisión científica da Fundación Dieta Atlántica. Entre as súas publicacións destacan: A lume manso (Galaxia, 1998), Ayunos y yantares (Premio Nacional de Gastronomía 2001), A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia (Galaxia, 2010), A mesa e manteis (Premio Gourmand World Awards 2010), Servir era o pan do demo. Historia da vida cotiá en Galicia. Século XIX e XX (Galaxia, 2019. Premio de Investigación Ferro Couselo) e Cociñeiras con talento. Mulleres e gastronomía en Galicia (2023), entre outros. Recibiu o Premio Picadillo do Fórum Gastronómico 2015 polo seu labor como investigador e divulgador da historia da alimentación en Galicia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email