Onte, na Casa Grande de Cimadevila celebramos a entrega do Premio Trasalba ao pintor, veciño das terras de don Ramón, Antón Pulido. As instalacións do Pazo quedaron pequenas para acoller ao numerosísimo público que quixo acompñar ao artista de tal xeito que, ademais de ateigar o auditorio da Fundación, houbo que habilitar unha carpa exterior, cunha cámara e equipo de son para que todas e todos puidesen seguir con comodidade o acto.
Ademais da entrega do premio, procedeuse á presentación da fotobiografía de Otero Pedrayo elaborada por Afonso Vázquez Monxardín e Patricia Chachero. Os coautores do libro fixeron un repaso dalgunhas das imaxes e dos datos máis singulares da publicación "Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía 1888-1976".
Víctor F. Freixanes, director xeral da Editorial Galaxia e presidente da Fundación Otero Pedrayo, anunciou que no ano 2016 se publicarán dúas obras vencelladas co autor: «O primeiro volume das súas memorias e un traballo que recollerá a relación epistolar entre Otero Pedrayo e Fernádez del Riego». En canto ás memorias, «serán dous volumes e comezaremos co segundo, o que se refire aos anos en Madrid, que é unha etapa máis descoñecida. O primeiro deunos máis traballo pero xa está localizado e sairá despois».
O encargado de facer a laudatio do homenaxeado, o editor Bieito Ledo, lembrou os méritos de Pulido e recordou como a súa segunda exposición foi apadriñada polo mesmo Otero Pedrayo.
Co gallo do premio, a Fundación Otero Pedrayo editou unha fotobiografía dedicada a Antón Pulido que recolle imaxes dende antes do seu nacemento, dos pais, ata a actualidade, con textos dos amigos e amigas do artista.
No noso blogue deixamos un vídeo, realizado por Noel R. Queipo, que lembra a homenaxe que se lle brindou a Otero Pedrayo no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia co gallo da súa derradeira lección.