A Editorial Galaxia publica o novo libro de Xosé Cermeño

Categoría: Nova

Coa novela Días felices con Fábia, a súa primeira publicación na colección Literaria, regresa Xosé Cermeño á editorial Galaxia.

O escritor e creador de televisión, que foi director da primeira serie de ficción en galego (Os outros feirantes, TVG 1990) e creador da primeira telecomedia na TVG (Pratos Combinados 1995-2006), unha produción mítica no noso audiovisual pois todos en algún momento pasamos polo Bar Suízo e asistimos as hilarantes leas de Miro Pereira, Antón,  Paspallás e moitos outros. 

Xosé Cermeño tamén imaxinou e dirixiu programas de éxito, como Larpeiros (2007-2019), ademais de ser autor e guionista doutras producións como O mellor (1986), Arroz con chícharos (1990) ou Avenida de América (2001). Publicou tamén un feixe de libros de gastronomía, narrativa infantil, poesía  e divulgación, que deixan ben as claras os seus intereses e afeccións.

En Días felices con Fábia, Xosé Cermeño demostra unha vez máis o seu dominio dos resortes do humor e a ironía, como facía o seu admirado Billy Wilder, do que sempre di que moito aprendeu, mais tamén da condición humana e das trampas que todos nos facemos a nós mesmos no xogo da vida cando as cartas veñen mal dadas.

Nestes días felices, ou non tanto, o autor relata unha historia de sedución e enganos que transcorre no Porto. Nela un realizador de televisión en horas baixas chega para facer un documental sobre a acuicultura dos polbos e coñece a Fábia, unha bióloga que vai remover case todo na súa vida.

Afirma Cermeño que as historias de amor empezan sempre cunha mentira. E todos nós sabémolo, e facemos coma se non o soubésemos. Deixamos que todo siga o seu curso, porque nos satisfai a eficacia das nosas trampas ou porque admiramos a arte das mentiras alleas, como pasa nos espectáculos de maxia. A graza do asunto é que sempre vivimos o amor coma se fose o sentimento máis auténtico.

O protagonista desta traxicomedia  vai anotando no seu caderno curiosas historias reais de mentireiros falsificadores e doutros trampulleiros notables que nos axudan a saber algo mais sobre el mesmo e as súas circunstancias.

Amor, mentiras, melancolía e hábiles e intelixentes polbos en fuga constante. E tamén pingas de humor e ironía, habituais na obra de Xosé Cermeño, para unha historia diferente, que sorprenderá aos lectores e lectoras e que xa, nunca máis, sentirán o mesmo ao comer un polbo á feira en calquera festa ou romaría do noso país. 

Comparte nas túas redes sociais ou por email