O escritor Manuel Núñez Singala foi galardoado co premio ‘Clubs de Lectura 2023’ por ser o escritor galego máis lido nas bibliotecas escolares durante o pasado curso.
Trátase dun galardón que busca recoñecer o labor das autoras e dos autores de obra en galego que “facilitan” cos seus libros a función do profesorado como mediador de lectura e que “concitan o interese” das lectoras e dos lectores que participan nos clubs de lectura.
Núñez Singala foi o autor seleccionado polo maior número de clubs de lectura dos centros de ensino do país. Ao recibir este galardón, o autor foi convidado a participar da XV Xornada dos Clubs de Lectura que decorreu esta segunda feira, onde recibiu a homenaxe do profesorado e, por el representado, de todos os lectores e lectoras participantes nos clubs de lectura dos centros de ensino primario e secundario da Galiza.
O evento reuniu a máis de 400 coordinadores destes espazos educativos, os clubs de lectura, co obxectivo de compartir experiencias e profundar en novas accións sobre o libro e a lectura.
Manuel Núñez Singala naceu en Lugo en 1963, pero en Vilalba é onde transcorre a súa infancia e adolescencia. A Terra Cha é a súa primeira patria. Estuda, traballa e vive máis tarde en Compostela, que é como el mesmo di a súa segunda patria.
Sempre foi un gran afeccionado á lectura, pero a súa inclinación pola escrita, di que quizais lla deba aos certames literarios do instituto de bacharelato vilalbés. Nese centro estreou as primeiras obras de teatro, ata tres montaxes aló contra final dos anos setenta. Despois estudou en Santiago onde ficou. En Galaxia ten publicado O achado do castro (1991, Premio Xiria de Creación Teatral 1987), Comedia bífida (2007), Planificación estratéxica (2009). Narrativa: Mar de fondo (1997), Menú de enganos (2010, Premio Frei Martín Sarmiento 2011). Tamén o ensaio e os traballos de investigación sobre cuestións relacionadas coa normalización do idioma ocuparon boa parte do seu tempo, como se recolle no libro En galego, por que non? (2009).