A Editorial Galaxia publica “Miña casiña, meu lar”, de Rosalía de Castro, en formato ilustrado

Categoría: Nova

Blanca Millán converte o poema de Rosalía de Castro nunha celebración visual, delicada e cunha estética absolutamente moderna, que contextualiza a obra da autora no mundo actual. 

A ilustradora dedica Miña casiña, meu lar a todas aquelas que converten cousas pequenas en manxares. Este libro, amosa o valor do pequeno, a loita pola supervivencia dos máis necesitados, a avaricia dos podentes, e malia todo a alegría por vivir e superar todas as adversidades da muller protagonista cociñando un humilde caldo de gloria e un bolo de pote.

Un poema reivindicativo dunha autora fundamental da nosa cultura galega.

Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 1837 – Padrón, 1885) é a escritora máis importante do Rexurdimento galego, así como a máis popular das autoras do país. A súa figura aparece na actualidade unida de forma indisoluble a Galicia. É autora en galego dos poemarios Cantares gallegos e Follas novas, cos que a lingua galega volveu acadar cotas de alta calidade literaria logo de varios séculos de escuridade. Ademais publicou en castelán obras en verso e en prosa.

Blanca Millán. Nada en 1991 nunha pequena aldea de Touro. Graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e cun mestrado en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual, pinta dende que ten memoria e ilustra contos dende que é nai

As súas primeiras publicacións chegaron  no 2017 con Manuela e A maxia de mamá, e dende entón xa van máis de 30 títulos en galego, castelán, inglés, polaco e chinés, e moitas historias máis, aínda por contar.

Comparte nas túas redes sociais ou por email