Galaxia publica “70º Norte”, de Xaime Toxo

Categoría: Nova

Xaime Toxo debuta, en Editorial Galaxia, coa novela 70º Norte, publicada na colección Literaria.

Nesta distopía fantástica, o autor, presenta o colapso social que acontece nas grandes áreas metropolitanas, indiferentes ao que non sexa o seu propio ritmo desaforado de desenvolvemento.

Unha reminiscencia pandémica, na que unha praga contaxiosa leva á civilización postindustrial aos límites da desaparición. No medio desta extinción, sen conciencia do perigo, un pequeno grupo intúe que o paradoxo da salvación radica nas persoas que permaneceron illadas nos remotos contornos dunha natureza tan implacable como imprescindible.

A Colonia é como denominan o campamento nómade onde viven. Moverse cara ao norte non é unha opción, senón unha condición de supervivencia.

Unha lectura imprescindible!

Xaime Toxo (Bueu, 1955) é licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, xestor cultural, presidente do Ateneo de Pontevedra e escritor. 

No seu haber conta, entre outras publicacións, cos libros de relatos As palabras que move o mar (2015) e Protexer o invisible (2016), e os textos poéticos Cadernos do mar (I e II, 2014), en colaboración co pintor Antón Sobral, e A casa sen nós (2019).

Recibiu o Primeiro Premio do Certame “O xadrez faise palabra”, convocado pola ONCE no ano 2000; accésit do Premio Modesto R. Figueiredo 2002; primeiro Premio do Certame de relatos do Concello de Paradela 2002; primeiro Premio do Certame Manuel Murguía de narracións breves 2004; accésit do Premio Modesto R. Figueiredo 2011 e accésit no Certame Manuel Murguía 2011.

70⁰ Norte é a súa primeira novela. 

Comparte nas túas redes sociais ou por email