A nova edición do programa ‘Venres nas librarías’, promovido polas consellerías de Cultura e Educación, e de Economía e Industria, xunto coa Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia, ofrecerá máis de 80 actividades este ano, durante as fins de semana de outubro e de novembro, para promover o libro, incrementar o público lector e poñer en valor as autoras e os autores galegos.
Un total de 17 librarías das catro provincias serán o lugar de encontro de público lector, de libreiros e libreiras e de escritores e escritoras para dar a coñecer as novidades editoriais galegas a través de diferentes propostas. A programación da nova edición foi presentada onte polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez; pola presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez; e polo editor Miguel Toval, en representación da AGE, nunha rolda de prensa que tivo lugar na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela.
Como novidade nesta segunda edición, a programación ampliarase tamén aos sábados, con actividades dirixidas ao público máis novo e que xirarán arredor de obras como Alegría!’, de Sérgio Tannus, ‘Unha viaxe polo mundo’, de Maimiñas, ou ‘Un conto do revés’, de Fran Amil, editados por Galaxia.