Este xoves 16 de xuño, celebrarase, a partir das 11:30 h, no Salón de Actos do MARCO, o BLOOMSDAY, coincidindo co centenario da publicación do Ulises, de James Joyce.
Esta data rende homenaxe á figura de Leopold Bloom, ou ‘Poldy’, personaxe principal da novela de Ulises, de James Joyce; caracterizado como antiheroe, do libro. O autor, exterioriza os pensamentos de Bloom a través da técnica do monólogo interior, estando Ulises focalizada neste personaxe e na súa “Odisea” contemporánea.
Na rolda de prensa de presentación, intervirán Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, e María Alonso Seisdedos, como representante do equipo responsable da tradución do Ulises ao galego: Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo, e Antón Vialle.
Este ano cúmprese o centenario da publicación de Ulises, de James Joyce, e na Editorial Galaxia organizamos unha gran festa arredor da efeméride. Con motivo desta celebración, a obra foi reeditada este ano por Galaxia en rústica, seguindo a primeira edición publicada en 2013, a cargo dun brillante equipo de traducción.
Pertencente á colección de Clásicos Universais da editorial, foi premiada en diversas ocasións con galardóns como o Premio Fervenzas literarias ao Mellor Libro Traducido 2013, o Premio da AELG á Mellor Tradución 2013, Premio da Asociación de Editores como Mellor Tradución do ano 2013, Premio Irmandade do Libro 2013 á Tradución, o Premio Nacional de Tradución que outorga o Ministerio de Cultura, un dos máis altos galardóns que existen nese eido; ou o recoñecemento da Asociación de Editores de Madrid, que recolleu a obra, en 2020, como unha das mellores traducións da época, dentro dunha lista de moito nivel.
LECTURAS PÚBLICAS DURANTE TODA A XORNADA:
Unha vez rematada a rolda de prensa comezará, no exterior do MARCO (rúa Príncipe) unha lectura pública na que pode participar calquera persoa interesada, e que se celebrará durante todo o día: de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.30.
O obxectivo é achegar a obra de Joyce ao público máis amplo posible. Que mellor xeito de facelo que cunha lectura colectiva ao redor do seu legado?
A actividade está realizada en colaboración co MARCO, coincidindo coa #MuseumWeek.