A obra que catapultou á fama a James Joyce, “Ulises”, celebra este ano o seu centenario. A Editorial Galaxia reedita, en formato rústica, a obra do laureado escritor para que este ano volva aos andeis de todas as librarías de Galicia.
A Editorial Galaxia, apostando por este clásico imprescindible, publicouno por primeira vez en galego, en 2013, traducido por Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle.
Pertencente á colección de Clásicos Universais da editorial, foi premiada en diversas ocasións con galardóns como o Premio Fervenzas literarias ao Mellor Libro Traducido 2013, o Premio da AELG á Mellor Tradución 2013, Premio da Asociación de Editores como Mellor Tradución do ano 2013, Premio Irmandade do Libro 2013 á Tradución, o Premio Nacional de Tradución que outorga o Ministerio de Cultura, un dos máis altos galardóns que existen nese eido; ou o recoñecemento da Asociación de Editores de Madrid, que recolleu a obra, en 2020, como unha das mellores traducións da época, dentro dunha lista de moito nivel.
O equipo de tradutoras e tradutores traballou durante oito anos para dar por pechada esta complexa tradución. Cando recibiron o premio nacional do Ministerio de Cultura, en 2014, o xurado elixiu esta tradución “por ter resolto de maneira brillante o desafío e complexidade que supón a amplia combinación de rexistros, xogos de palabras ou ateracións presentes no orixinal”.
Publicada en París en 1922 pola librería Shakespeare and Company, a extensa novela de James Joyce (Dublín, 1882-Zürich, 1941) desenvólvese durante un só día, o 16 de xuño de 1904, en Dublín. Joyce emprega en Ulises, á parte da corrente de consciencia, a parodia, os xogos de palabras e unha variada e ampla gama de técnicas narrativas; para contar as peripecias do seu protagonista, Leopold Bloom.
A súa influencia na literatura posterior foi indubidable, tanto no que se refire á transformación que supuxo respecto da maneira de narrar coma no repertorio de formas literarias, sen esquecer a transformación da idea de novela, na que Ulises marcou o paso do modelo decimonónico ao modelo de novela contemporánea.