Rolda de prensa arredor de “Debuxar o mundo”, en Santiago de Compostela

Categoría: Blog

Hoxe celebramos unha rolda de prensa arredor de Debuxar o mundo. Xogar, crear e compartir, Premio Marta Mata de Pedagoxía 2020, de Vicente Blanco e Salvador Cidrás, no salón de actos do Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela.
Acompañando os autores, no acto participaron Jesús Manuel Álvarez Bértolo, Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, e Francisco Castro, Director Xeral de Editorial Galaxia.
Debuxar o mundo xorde da experiencia dos autores como artistas e profesores nunha faciltade de formación de profesorado. Partindo do debuxo como un medio espontáneo, ubicuo, democrático e inherente ao ser humano, examinan a práctica artística e educativa do debuxo. O libro recolle as propostas de debuxo froito da súa investigación artística levadas a cabo con nenos e nenas de infantil e primaria en colaboración con escolas, familias e colectivos interesados en metodoloxías activas. Agrúpanse en catro apartados: volver debuxar (pensadas para que as persoas adultas que traballan coa infancia recuperen o debuxo), contar debuxando (experiencias onde conviven palabras e imaxes), xogar debuxando (o debuxo a través do xogo) e concienciar debuxando (debuxo activista). Todas elas comparten como de características o incidir na idea de proceso (descubrir formas de facer abertas que non buscan un único resultado); experimentar con diferentes materiais, técnicas e linguaxes artísticas; favorecer a creación dun imaxinario e estilo persoal apartándose de respostas estereotipadas; e educar o sentido estético.

Comparte nas túas redes sociais ou por email