Presentación de “Pioneiras na ciencia en Galicia”, en Santiago de Compostela

Categoría: Nova

O luns 7 de marzo, celebrarase, ás 19:30 h, a presentación de Pioneiras da ciencia en Galicia, de Eduardo Rolland e Manuel Rey, na libraría Couceiro de Santiago de Compostela.
Acompañando os autores, estará Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Este libro aborda o papel xogado polas pioneiras da ciencia no noso país. Conta, pois, a súa epopea para ser tomadas en serio nese mundo de homes en tempos, incluso, en que se dubidaba da capacidade intelectual das mulleres para poder entender as máis básicas cuestión da vida. No camiño que aínda nos queda por percorrer para chegar a esa igualdade, tamén no eido científico, as mulleres que aparecen neste libro resultaron esenciais.
Investigadoras, teóricas, estudosas… todas elas puxeron as bases para que hoxe unha investigadora non sexa unha rareza dentro dun laboratorio…
A colección Feminismos aposta por axudar a visibilizar a causa das mulleres en Galicia, unha loita da que Galaxia séntese cómplice. O feminismo alterou, gradualmente, as perspectivas predominantes en diversas áreas da sociedade, tratando de liberar á poboación das imposicións patriarcais. Un camiño longo, no que aínda queda moito por facer.
Seguimos loitando, xuntas, cara a un mundo no que todas e todos poidamos ser a persoa que queiramos ser.
Manuel Rey Pan (Carballo, 1989) é xornalista e desde 2016 exerce como redactor no portal GCiencia. Traballou en varias etapas en La Voz de Galicia e Radio Voz e en 2017 recibiu o Premio Galicia de Xornalismo Científico por unha reportaxe sobre a Ataxia da Costa da Morte, tema que viu a luz no libro El mal sin cura de la Costa da Morte. SCA36. (2019).

Eduardo Rolland Etchevers (Vigo, 1969) é xornalista, escritor e guionista. Traballou nos xornais Faro de Vigo, A Nosa Terra e La Voz de Galicia, e fundou o xornal GCiencia. Entre as súas publicacións destacan Galicia en guerra (2006), La batalla de Rande (2002), Reconquista (2009), A cidade das ondas (2011) e Galicia, National Geographic (2011). Recibiu os Premio Nacional de Xornalismo Fernández del Riego (2006), o Johan Carballeira (2004) e o de Xornalismo Científico (2003). Dirixiu longametraxes como A arañeira (2006) e Novo Vigo vello (2011).  

Comparte nas túas redes sociais ou por email