A gañadora da sexta edición do Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos convocado pola Editorial Galaxia, en colaboración co Ámbito Cultural de El Corte Inglés, foi Irene Rega Julpola novela O libro dos corazóns rotos.

O xurado, composto por Ana Abelenda, Marcos Calveiro, Inma Otero, Blanca Riestra, Abel Tomé e Malores Villanueva destacou a súa prosa áxil e o control do ritmo narrativo dende o inicio ata o vertixinoso final da obra. Ambientado en Viveiro, o thriller ten unha vontade clara de facer un retrato realista do momento actual, tanto no tratamento de diferentes temas como na construción dos personaxes. Dentro das personaxes destaca a inspectora, pola súa atinada construción psicolóxica.

Cunha linguaxe coidada, pero moi directa consegue transmitir un fondo desacougo no tratamento dun tema tan delicado como o do acoso escolar. A autora arrisca no seu desenvolvemento e na denuncia social da sociedade contemporánea.

De grande interese resulta tamén o tratamento das redes sociais entre a xuventude.

O libro dos corazóns rotos impúxose por unanimidade ás demais obras presentadas pola súa solvencia narrativa, pola historia que atrapa dende o primeiro capítulo e polo tratamento de moitos temas de plena actualidade dende o seu cuestionamento. O xurado tamén animou á Editorial Galaxia a publicar outro dos manuscritos presentados.

Esta é a primeira novela en galego para Irene Rega Jul, nada no Concello de Cervo en 1996.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR