O calendario, coas súas marcas arbitrarias pero necesarias, ponnos, nestas datas, ante o exercicio, que non por ritual e repetido se fai menos importante, de facer balances e proxectos. Isto ten, sen dúbida, unha dimensión individual e persoal; mais ten tamén outra colectiva: a reflexión sobre o estado actual e as perspectivas de futuro da nosa cultura.
Nos últimos tempos impúxose un discurso social ubicuo, formulado en termos de supervivencia material, no que a consideración simplista da cultura como luxo, como produción superflua propia de fases e momentos nos que as necesidades básicas están satisfeitas, implica un perigo evidente de perda de relevancia social. Está agromando, mesmo nos terreos máis fértiles e vizosos, unha nova visión materialista que pode converter o mundo da cultura nun ermo: nunha vítima propiciatoria que se sacrifica no altar dunha sociedade asustada.
Toca, polo tanto, demostrar que a cultura non é a guinda do pastel (esa froitiña confeitada que a case ninguén presta e que acaba arrombada nunha beira da fonte), senón que pode ser a cerna mesma que fai levedar o prato. E isto é importante, porque, en termos de cultura e de pobo, sobrevivir é moito máis que seguir vivindo; porque a cultura, aínda que sexa moi relevante desde o punto de vista material, é moito máis ca iso: é a nosa alma, a nosa esencia, o trazo distintivo que nos caracteriza e que nos diferencia.