A Federación de Librarías de Galicia, contando coa produción da Editorial Galaxia, pon en marcha por terceiro ano consecutivo a Semana da Música Infantil, que se desenvolverá entre os días 2 e 8 de agosto. Unha completa programación, inserida no seo da Feira do Libro da Coruña, na que se incluirán algunhas das mellores propostas do panorama musical infantil actual, da man de artistas da talla de Sérgio Tannus ou Magín Blanco, entre outros.
Producida pola Editorial Galaxia, esta III Semana da Música ten por obxectivo ofrecer produtos musicais de primeira orde para o público familiar. Sete espectáculos que beben doutros tantos libros-discos editados ao longo dos últimos meses e que destacan polo seu alto nivel de calidade que terán lugar diariamente, a partir das 20.00 horas, na carpa da Semana da Música situada nos coruñeses Xardíns de Méndez Núñez, en plena Feira do Libro.
A programación dará comezo o domingo, 2 de agosto, co espectáculo baseado no álbum Sira e o robot. Adventures on Titan. Unha obra de Mark Wiersma para Edicións Xerais de Galicia. O luns, día 3, será a quenda do concerto Té, chocolate, café, de Gestión Cultural, a cargo do Grupo Golfiños. O grupo A gramola gominola debullará o martes, día 4, os marchosos temas do seu libro-disco homónimo, publicado por Editorial Galaxia. Xa o mércores 5 de agosto o protagonista será Chuches Amil, o grupo capitaneado polo coruñés Fran Amil -Ulträqäns, Tres Trebóns e un dos ex compoñentes de Os diplomáticos de Monte Alto-. Na carpa da Semana da Música ofrecerá un espectáculo sobre o álbum Un conto ao revés, que vén de publicar a Editorial Galaxia. Xa o xoves, 6 de agosto, será o recoñecido cantante e multi-instrumentista Sérgio Tannus quen desenvolva o espectáculo Alegría!, baseado no libro-disco do mesmo nome que chega da man da Editorial Galaxia. Magín Blanco, considerado xa por méritos propios un peso pesado do panorama musical infantil galego, estará nesta III Semana da Música o venres 7 de agosto, interpretando os temas do seu libro-disco Gatuxo, editado por Fol Música. O apartado musical deste evento, contará cun concerto de Pirilampo como colofón final. O sábado 8 de agosto, o grupo coruñés fará as delicias de pequenos e maiores cos temas do seu álbum Lucecús, de Editorial Galaxia.
Moito máis que música
Máis aló da calidade e variedade da proposta musical da cita, a Semana da Música estará acompañada na Feira do Libro coruñesa por un enorme abano de actividades complementarias, entre as que figuran as presentacións literarias, os contacontos ou obradoiros de diversas temáticas. De seguido ofrecémosvos a programación completa:
Domingo 2 de agosto
13.00 Jimena Manzano presenta La verdadera historia del lobo, por Bubok Editorial.
18.00 Contacontos de Miguel Ángel Alonso Diz organizado por Nova Galicia Edicións.
20.00 Mark Wiersma, Miguel Mosqueira Fociños e Iván Sende Gómez presentan o libro disco bilingüe Sira e o robot. Adventures on Titan por Edicións Xerais de Galicia.
Luns 3 de agosto
12.00 Contacontos traducido a Linguaxe de Signos por Blanca Mallo pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia. Inclúese taller básico LSE.
18.00 Debuxa e ilustra O raposo Rufo, de Daniel Vieitez por Edicións Embora.
20.00 Té, chocolate, café, do grupo Golfiños, publicado por Gestión Cultural.
Martes 4 de agosto
11.30 Historias en plastilina, pola biblioteca da Deputación da Coruña.
18.00 Sally Cutting presenta o seu libro La Princesa Rana, por Padre Lobo. Inclúese taller infantil de máscaras coas personaxes do libro.
20.00 A gramola gominola, publicado por Galaxia.
Mércores 5 de agosto
11.30 Os teús personaxes en plastilina, pola biblioteca da Deputación da Coruña.
18.00 Canta á lúa coas estrelas, con Rosalía Morlán, Manoele de Felisa e Isa Albela por Técnicas de Gramaxe.
20.00 Chuches Amil con Fran Amil, publicado por Galaxia.
Xoves 6 de agosto
13.00 Horta con arte por Carme Freire.
18.00 El ratón que quería un palacio, de Charo Pita, por Libros de las Malas Compañías.
20.00 Alegría! con Sergio Tannus, publicado por Galaxia.
Venres 7 de agosto
13.00 Elaboración de gominolas naturais.
18.00 Porque Cuqui non quere ir á lavadora de María Lado, por Apiario Editora.
20.00 Gatuxo con Magín Blanco, publicado por Fol Música.
Sábado 8 de agosto
13.00 Reciclado creativo de materiais.
18.00 De paseo con Crunia, de Cristina Corral Soilán, por Edicións Embora. Participa Cándido Meixide.
20.00 Lucecús con Pirilampo, publicado por Galaxia.