A praza do Obradoiro encheuse a rebordar. Non cabía unha agulla. Miles de persoas nas prazas e nas rúas de Santiago, convocados pola plataforma "Queremos galego", reclamando unha política decidida a prol do idioma galego e a derogación do Decreto de Plurilingüismo que pretende implantar a Xunta de Galicia e que nos últimos días vén de recibir as críticas do Consello Consultivo, que non o considera conforme a dereito.
Na mesma liña crítica se poronunciaron con anterioridade a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e o Consello Escolar de Galicia, institucións ás que a Xunta de Galicia pediu opinión sobre o texto. O PSdeG-PSOE e o BNG, apoiaban a manifestación, ademais dos sindicatos e numerosas asociacións e institucións cívicas. As primeiras autoridades do goberno e do Partido Popular, que un día antes celebrara unha xornada da lingua en Forcarei, preferiron acudir aos actos da RAG en Seoane do Courel.
A intervención do presidente Núñez Feijoo en Seoane, pedindo un "pacto social" pola lingua galega, abre unha nova expectativa: a posibilidade de que efectivamente poida reconducirse o actual proceso nunha política de diálogo entre os axentes sociais e políticos para encontrar un espazo de entendemento arredor da política lingüística. Así o interpretaron algúns observadores no acto da Academia.
Mais as rúas compostelás colvéronse encher de xente. A cidadanía galega máis consciente movilizouse unha vez máis a prol do idioma, afirmando a necesidade dunha acción decidida a prol do mesmo que supere prexuizos e evite o que nestes sectores se considera "un paso atrás gravísimo para a afirmación do idioma de Galicia, ao que a cidadanía ten dereito histórico e non está desposta a renunciar". É a cuarta manifestación, no que vai de ano, en contra do borrador do Decreto de Plurilingüismo no ámbito educativo que pretende impoñer o goberno galego.