Cunha grande afluencia de público, que non cabía na sala, na vella escola de Sabane, ou Seoane do Courel, onde dous anos antes tamén se celebrraran os actos dedicados a María Mariño, interviñeron os académicos Manuel Rivas, Margarita Ledo Andión, Darío Xohán Cabana e Manuel González, abordando distintos aspectos da palabra do autor de "Os eidos", a quen a RAG dedicou este ano o Día das Letras Galegas. Miles de persoas manifestábanse a esa mesma hora en Santiago de Compostela pedindo a derrogación do decreto de plurilingüismo co que a Xunta de Galicia pretende regulamentar a lingua galega no ensino. Xornada festiva e reivindicativa.
Manuel Rivas evocou a Novoneyra como o poeta dun país que non renuncia aos seus soños. Margarita Ledo construíu un discurso cheo de imaxes cinematográficas, no que evocou a súa lembranda e descubrimento de Novoneyra nos anos 60, nun recital na Coruña, que marcaría profundamente á narradora e cineasta galega. Darío Xohan Cabana fixo un cumprido repaso polos aspectos máis significativos da obra do autor homenaxeado, e Manuel González centrouse de xeito máis específico na lingua e na estilística persoal do idioma de Uxío Novoneyra, "lingua viva e persoal, orixinalísima, que construíu dende a montaña, dende o galego nos cumes do Courel, sen renunciar á universalidade".
Cerrou o acto académico o presidente, Xosé Luis Méndez Ferrín. "Nunca renunciaremos ao idioma. Estamos aquí para confirmar o compromiso do poeta, de todos os poetas, de toda a cidadanía coa nosa lingua", advertiu.
Posteriormente, procedeuse a dar oficialmente o nome de Uxío Novoneyra ao centro escolar de Seoane, onde interviú tamén o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feixoo, cun chamamento á concordia e avogando por "un gran pacto pola lingua galega", que non concretou, pero que deixou aberto, afirmandoo a partir de catro presupostos básicos: cooficialidade do galego e do castelán; o galego como lingua propia de Galicia; tratamento positivo e específico da lingua galega para a súa recuperación e promoción, e principio de non discriminación por razóns do idioma. "¿Estamos de acordo?", preguntou. "Eu creo que si".
Académicos e autoridades compartiron un xantar en Seoane. Entre outras autoridades estaban varios conselleiros da Xunta (de Educación, de Cultura, de Facenda e de Medio Rural), a presidenta do Parlamento de Galicia, o delegado do goberno en Galicia, o director xeral de Política Lingüística, o director xeral de Difusión Cultural, senadores, deputados, alcaldes da bisbarra, artistas e escritores, así como a familia do poeta, os seus fillos e a súa muller, Elba.