"Tender a man" con Uxío Novoneyra

Categoría: Nova

"Tender a man" naceu coma un colectivo para espallar a poesía a través de novas linguaxes: a música, a danza, a recitación dos textos. Coincidindo coas celebracións da Real Academia Galega en Seoane do Courel, en homenaxe ao autor de "Os eidos" e "Do Courel a Compostela", o grupo presentou a súa última produción.
Forman parte de "Tender a man": Yolanda Castaño (poeta), Blanca Novoneyra (danza), Mónica de Nut (voz) e os músicos Isaac Garabatos e Xesús Andrés. Un novo xeito de entender e difundir a palabra poética.
O espectáculo inclúe textos de diversos libros de Novoneyra: "Letanía de Galicia", "Os eidos", "Do Courel a Compostela", "Viet-Nam Canto", "O Camiño de Santiago e outras rotas poéticas"…
Hai tempo que Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) vén ensaiando novas fórmulas para a creación poética, formas relacionadas coa palabra e coa comunicación: a imaxe, a música, a expresión corporal, o videoclip, etc. Yolanda Castaño deuse a coñecer como creadora na década dos 90 e ocupa hoxe un lugar sobranceiro nas novas formas de expresión literaria. O "Libro da egoísta" foi publicado por Galaxia na colección Dombate en 2003, traducido na actualidade a outros idiomas. Para os lectores máis novos tamén produciu "Punver" e "Punver de volta" (colección os Duros, con ilusracións de Eduardo Hermida) e "Cando eu saiba ler" (colección Tartaruga, con ilustracións de Xosé Tomás).

Comparte nas túas redes sociais ou por email